martes, 26 de decembro de 2017

Ringo Lake, parte 5

De novo temos que facer flying geese, no meu caso brancos e negros, que resultan ser dúas córes constantes na miña versión. Xa hai xente avanzando no proceso. A min retrásame o ter que axustar finalmente a medida das unidades, porque pasando o ferro sempre estiro algo de máis e sobran uns fíos para o tamaño perfecto (sliver trimming).

luns, 18 de decembro de 2017

Carolina Chains

Un dos deseños que me resultan máis interesantes para me ir "desfacendo" de retallos soltos, con bloques coloridos que se encadean polas diagonais, é este que Bonnie Hunter chama "Carolina Chains". A editorial que lle publica os libros, C&T, incluiu no seu blog o tutorial para a confección dunha colcha con estes bloques, aliñados "on point", ou sexa, orientados coma rombos.
É moi tentador. Nas dúas colchas que fixen con bloques Carolina Chains ían aliñados de xeito clásico.



sábado, 16 de decembro de 2017

Ringo lake, parte 4

Como este proxecto é un mystery, non se sabe nin sequera de cantas partes se compón. Polas miñas contas, xa case gastamos a totalidade dunha das córes (verde no meu caso).
Desta volta, a cuarta pista consiste en unidades triangulares compostas. Eu escollín facer cadriños grises coas puntas triangulares en negro. Vai máis rápido que a pista anterior, e xa levo máis da metade das unidades necesarias.


Anteriormente:

O que están a facer as demais participantes.


domingo, 10 de decembro de 2017

Ringo lake, parte 3

A pista do mystery de Bonnie Hunter esta semana consiste en pares de unidades rectangulares cuxo centro é un romboide, no meu caso de cór verde. Vou lenta porque ao pasar o ferro é doado que se distorsionen as pezas, xa que van cosidas polo bies.


Estamos en pleno temporal e apenas hai luz natural, polo que as córes se ven máis apagadas do que na realidade.

As pistas anteriores:
O que fan os demais participantes.

venres, 8 de decembro de 2017

Centro de mesa de Nadal

Improvisei un centro de mesa con teas de Nadal para agasallar. Cosín as tiras, de 2", co método quilt-as-you-go, sobre unha traseira de forro polar vermello. Para as estrelas empreguei rombos procedentes doutras tiras de 2", e están aplicadas cun zigzag moi estreito. Mide 36" x 14".


domingo, 3 de decembro de 2017

Ringo Lake, parte 2

A segunda pista deste mystery saiu o venres. Tamén neste caso fixen pouco máis da metade das unidades, no meu caso flying geese verdes sobre fondo branco.

O seu número fai supor que forman parte dos mesmos bloques que as pezas feitas anteriormente. Isto é unha suxestión:


Algunhas das demais participantes tamén decidiron trocar algunha das córes.

sábado, 2 de decembro de 2017

Teas en Portugal 2017


En Portugal tampouco hai aínda moita afección ao patchwork. Doutras viaxes trouxen revistas para a confección de bolsos e bordados.
Desta vez dei atopado en Guarda dúas tendas pequenas que vendían algunhas teas. A primeira era unha mercearía con alguns restos de teas en córes claras, como para bebés, a 5€/m. Trouxen un retallo gris e outro branco con estreliñas. Na outra tenda, especificamente de tecidos, tiñan un bon surtido de teas de algodón con temática de Nadal, a 10 €/m, e trouxen unha de cór verde para completar as que xa teño na casa.