sábado, 5 de agosto de 2017

9 patches (9P)

Estou axudando a unha amiga a enviciarse co patchwork :)
Dun número antigo de Labores del Hogar inspirámonos para un proxecto que combina 9 patches con snowballs.

Gústanme moito os 9 patches para iniciar a principiantes. Partimos de costuras rectas, polo recto da tea, sen bieses. Mesmo cun número limitado de teas pódense crear combinacións espectaculares. E non é un deseño esixente canto ao tamaño da marxe de costura: vale calquera, sempre que seña o mesmo para todas as pezas.

Unha combinación clásica é a de 9 Patches con cadrados de tea uniforme para o fondo, un deseño que se chama tradicionalmente Irish Chain, tanto en deseño monocolor como en scrappy, con cores surtidas.

Os propios bloques 9P pódense combinar en forma de 9P (o deseño chámase Double 9 patch) con bloques lisos, e se enriba os unimos en diagonal (on point) o resultado pode ser espectacular:

Tamén se pode optar polo método clásico de separar os bloques con simples tiras de cor neutra e cadriños nas esquinas (cornerstones): créase un debuxo secundario en forma de cruces.

Este é un coxín que fixen para a miña irmá:

Cunha técnica similar, pero empregando bloques de 5x5 cadriños (o deseño chámase neste caso Double Irish chain), fixen esta colcha con tea dunhas sabas que me roeran os ratos na casa da aldea:

Pero, como dixen ao principio, nós decantámonos polo deseño que combina 9P con snowballs: bloques cadrados coas esquinas achaflanadas. Tamén neste caso hai múltiples variantes segundo se empregue a tea de fondo nos 9P ou non:
Parece difícil de crer que todos estes proxectos están feitos exactamente coa mesma combinación de bloques, o único que varía é o posicionamento das córes.

mércores, 2 de agosto de 2017

Seguindo co quilt misterioso...

Fixen unhas poucas unidades da segunda parte do quilt misterioso que está a publicar Kevin the Quilter. Estou a usar retallos que me sobraran doutros proxectos, e finalmente optei por respectar o abano de córes proposto. Teño azuis e marelos moi claros e probablemente iso me obrigue a usar só brancos para os neutros.

Na primeira parte fixeramos cadrados combinando tons de azul.

mércores, 19 de xullo de 2017

Allietare ou quilt pirata

Foi un Mystery Quilt deseñado por Bonnie Hunter, de Quiltville,  hai dous anos. O top é xigante (aproximadamente 2,20 x 2,50 cm) e non teño moi claro como o quero acolchoar. Por de pronto comezarei por pespuntear as filas de bloques (stitch in the ditch ou SITD).

domingo, 16 de xullo de 2017

Seminario What to quilt on your quilt

Un domingo moi tranquilo. Atopei de novo este vídeo que tanto me gustara sobre que decisións tomar á hora de acolchoar.

En realidade estaba buscado tutoriales sobre mactavishing.



domingo, 9 de xullo de 2017

Coxín on point verde e azul

Para seguir practicando as aulas de Angela Walters en Craftsy e en particular o enchemento con acolchoado de formas triangulares (co apoio dos seus libros de motivos para bloques) fixen outro coxín.
A construción dos bloques parte de varias tiras de cores de 2,5" e tiras brancas de 4,5" que se unen polo longo formando un tubo, para despois cortalo a 45 grados, creando cadrados de 6" cos lados polo bies. O tutorial en Youtube tamén é de Angela Walters para Crafsy:

Fixéronme falta 16 cadrados para cada cara do coxín, unidos a pares formando triángulos. Experimentei todo tipo de deseños, máis densos nos triángulos brancos e menos densos nos de cor:


sábado, 8 de xullo de 2017

Tentación: Sapphire Stars

The Eclectic Abuela comezou a coser os bloques dunha colcha misteriosa, un proxecto de Kevin the Quilter.
Non sei se me animar a facer uns poucos bloques: levo tanto tempo acolchando ultimamente que teño saudades por pacer algo de piecing.
A primeira pista usa tres tons de azul.

xoves, 6 de xullo de 2017

Coxín gris e rosa

Angela Walters ofrece varios cursos de acolchoado na plataforma Craftsy. Intereseime por este: "Help! How do I quilt it?" Desenvolve sete temas segundo a tipoloxía do piecing do proxecto (appliqué, paper piecing, pezas especialmente grandes ou pequenas, medallóns...). Os materiais que complementan as aulas inclúen o patrón da colcha sobre a que Angela fai as demostracións. Tomei os elementos máis singulares e recompúxenos nun proxecto de menor tamaño (uns 50 cm x 50 cm) coa idea de empregalo posteriormente para confeccionar unha funda de coxín.

Algunha das teas ten un estampado tan marcado que só se distingue ben o acolchoado polo reverso.